GRAN IMPURO
Meu curmán dixo, “Teño calor, abúrrome.”
Eu dixen, “Eu tamén, abafa.”
E dixo el, “¿Qué poderíamos facer hoxe?”
Tíñamos un plan que artellar.
Pensamos e pensamos, os nosos miolos cochichaban,
Cheíños de faíscas e bríos.
“Rapiñemos licor na destilería
para emborrachar aos pitos.”
A destilería estaba a tope, e ninguén nela.
Fixemos a falcatruada.
O poleiro sosegado e quente,
E as galiñas serenas como monxas.
Collimos comida, e ensopámola
Espallándoa ao redor.
As galiñas, petiscaron nela, cacarexaron e comeron.
O galo enguliu ben para abaixo.
|
|
E entón ergueu e extendeu a plumaxe,
Facendo a roda como un pato mareado,
As galiñas caían, non daban andado
Era paverísimo.
El facía a roda, cantaba, danzaba.
Tan teso que nos facía sospirar.
As galiñas pelexaban, sen proveito algún;
Víamos voar as plumas.
Saltounas todas, o galo, coa crista a tope.
Por Deus, había semellante barullo.
As galiñas eran purísimas babilonias
E o galo, Rin-Tin-Tín.
Entón a Nai berrou con mágoa,
“¿Qué fixechedes, nenos?”
O seu queipo foi ao chan, tiña os ollos arregalados
Baixo do sol de Texas.
Cheirou o licor, decatouse axiña
Exactamente do que fixéramos.
Alá foi para a capoeira;
Onde o licor estaba agachado.
“Este mes non haberá ovos para nós.
Mudáchedes o gran en impuro.
Quedaredes sen chicle e sen pilulas de menta,
Ata que curen as galiñas.”
|
|
O tío deixou novo ao curmán,
Mamai reviroume no seu xeonllo.
O panorama detrás do alpendre
Metía medo.
Meu curmán dixo: “Doeme o cu.”
Eu dixen: “O meu tamén está quentiño.”
Refregamos os nosos cuiños doridos;
Non había máis que facerlle.
Pero entón botamos unha risada, ao lembrar os pitos,
Tamén ao galo peneque.
Miña mamai preguntou: “Nenos, ¿estades ben?”
Dimos olido o seu caldo.
Nin podíamos montar, nin gavear
Nin sequera sentar.
Mais durante moitas semanas o conto non morreu
E “si”, dicíamos, “pagara a pena.”
|
|
©
Copyright 1998 Patricia Jane St. John Danko
|